A Raza Cachena

Historia e orixe da raza

O nome de Cachena serve para designar unha poboación bovina estendida no suroeste ourensán, nos montes da serra do Xurés, serra do Leboreiro e montes do Quinxo, que, ao final da súa regresión censual, quedou practicamente acantoada na parroquia da Illa, concello de Entrimo; máis concretamente, na localidade de Olelas.

Para Sánchez Belda (1984) a orixe desta raza non é coñecida, aínda que polo aspecto xeral encádraa no tronco Cántabro; as encornadas distintas fanlle supoñer outra ascendencia e dependencia filoxenética. Outros autores recollen a similitude co Bos primigenius mauritanius, do que derivarían algúns bovinos do norte de África. Os estudos actuais encontran semellanzas xenéticas que indican o seu enclave no tronco Brachycero.

As primeiras referencias escritas desta raza atopámolas na Geografía General del Reino de Galicia (Risco, 1936). Os datos foron achegados polo, daquela, inspector de Hixiene Pecuaria e xefe provincial de Gandaría de Ourense, don Javier Prado Rodríguez, Lameiro, quen entón diferenciaba entre a Cartellá “provista de grandes cuernos blanco-amarillentos con sus puntas negras dirigidas en forma de lira, mucosas aparentes de color negro, capa colorada, cabeza chata con ojos oblicuos, cuello robusto provisto de un amplio repliegue cutáneo (papada, barbadela), extremidades cortas, tronco voluminoso de raquis horizontal y grupa bien desarrollada y carnosa” e outra raza que describe como “vaquita liliputiense, rústica, que vive en libertad en pastoreo constante en las montañas del ayuntamiento de Entrimo y que, aparte de su diminuta talla, ofrece como signo característico una franja a lo largo de la cara de coloración más baja que el resto de su capa castaño-oscura y unas líneas negras alrededor de los ojos como si la res llevase gafas de gruesa montura”.

Orientación produtiva

Son reprodutoras con moi boas calidades maternais, gran facilidade de parto, favorecido polo reducido peso do becerro no nacemento (peso medio de 17 kg), e cunha aceptable produción leiteira que lle permite aleitar as crías ata a desteta. Forte instinto maternal, defendendo ben a descendencia de posibles ataques dos lobos mediante un comportamento etolóxico que consiste en deixar os becerros no centro dun cerco formado por unha rede de cabezas e cornos. Esta raza, na antigüidade, foi de triplo aproveitamento: traballo, carne e leite, con predominio do primeiro para os traballos agrícolas (bois). Hoxe úsase como produtora dunha carne de excelente calidade. A venda máis frecuente é ao destetar os becerros, cun peso de 70-90 kg/canal, ou ben crialos como novelos, cun rendemento a canal do 55%.

Raza rústica de gran sobriedade, sinxela adaptación ao medio e con alto grao de transformación de alimentos groseiros. As doses seminais desta raza destínanse na actualidade, á parte da reprodución en pureza racial, ao cruzamento industrial mediante a inseminación artificial en razas de produción láctea e cárnica e como semental de elección na primeira inseminación en xovencas, o que proporciona facilidade de parto na primeira xestación.

Sistemas de explotación

Coexisten dous tipos de explotacións, por unha banda, gandeiros cun reducido número de efectivos (1-3 cabezas) con sistema familiar tradicional, en franca regresión e, pola outra, explotacións en réxime semiextensivo, con rabaños de tamaño medio (20-50 cabezas), que viven practicamente todo o ano no monte, ao tempo que a súa gran docilidade as permite estabular nas épocas de parto ou escaseza nos pastos.

Censos

Os datos censuais estimados hai unhas décadas en 6.000 cabezas, consideramos que debían englobar, ademais, a poboación bovina coñecida como piscas, galleiras ou cartellás, que chegaban ata a Terra de Celanova. No 1984, Belda calcula un censo de 200-1.000 reprodutoras, e cando a Consellería merca as primeiras cabezas de gando para comezar o Programa de Conservación, a elección de reprodutoras tívose que facer sobre un censo que superaba por pouco o cento de cabezas.

Prototipo racial

1.- Características xerais
Son animais de perfil cóncavo e proporcións moi harmónicas, recortadas e de marcada elipometría. Portadores dos tres signos negativos da clasificación baroniana: elipométrica (-), cóncava (-) e brevilínea (-).

2.- Características rexionais
Cabeza
Pequena, fronte lixeiramente deprimida e curta de cara, testa con guedella non abundante, cornos en lira alta de grandes proporcións e sección circular, pas de cor ámbar e punta negra. Beizos grosos e fociño engurrado, rodeado de aureola branca. Ollos oblicuos, separados e con mirada moi viva. Mandíbula poderosa.

Pescozo
Curto, harmónico e con gran badana (raza ambiental), desenvolto e escuro. Xugueira desenvolta nos machos.

Tronco
Redondeado e robusto. Cruz prominente, con liña dorso-lumbar sensiblemente recta. Peito longo de gran capacidade torácica, tórax profundo con costelares ben arqueados, illargas extensas e ventre voluminoso. Cruz dos cadrís ancha e lixeiramente derrubada. Rabo de nacemento un pouco adiantado, longo e con borla escura.

Extremidades
Coxas e cadrís pouco desenvoltos, extremidades ben proporcionadas e dirixidas, de óso fino e articulacións rectas, cascos negros, pequenos e duros.

Sistema mamario

Ubres ben conformados, de volume harmónico co tamaño do animal, tetos ben dirixidos, boa produción leiteira e abundante protección pilosa.

Capa
Castaña clara, abelá, máis escura na rexión do pescozo. Testa con guedella pouco poboada, pavillóns auriculares poboados de pelo (pendentes). Nos machos a capa é máis escura. Mucosas nasais e xenitais negros, escroto de cor clara con mancha escura na súa parte distal (cúpula).

Tamaño e peso
Os rangos da alzada á cruz, á metade do dorso e á cruz dos cadrís son de entre 90 e 120 cm, 90 e 115 cm e 100 e 125 cm respectivamente para as femias, e de entre 100 e 130 cm, 90 e 125 cm e 105 e 135 cm respectivamente para os machos.
Pesos medios: para os machos 550 kg e para as femias 350 kg.

3.-Defectos obxectables
Defectos no asentamento das extremidades pouco salientables.

4.- Defectos descualificables

  1. Conformación xeral ou rexional defectuosa en grao acusado.
  2. Cornos rudimentarios ou mal orientados.
  3. Anomalías nos órganos xenitais, principalmente monorquidia.

VENTA

Situación

paramos

"A Ferreira"
Paramos - Val do Dubra
(A Coruña)
Tel: 699 444 424
Email: cachena@valdodubra.com